You are here

RepescaPlas: plásticos recuperados do mar

Por Sara López Ibáñez

Hoxe en día, os ecosistemas mariños están sometidos a unha grande presión exercida polo ser humano a nivel global. Algunhas das causas que están provocando a degradación e incluso desaparición destes hábitats son actividades como a sobrepesca, a ocupación do litoral, as emisións de augas residuais, ou a xeración desmesurada de refugallos sólidos que van parar ó mar (o 80% procedentes da terra).



Estes refugallos están compostos entre un 60 e un 80% de materiais plásticos, os cales xeran un grande impacto debido tanto a súa abundancia como a súa persistencia no medio e a súa composición química, esta última alterada por aditivos, en ocasións tóxicos, que se usan co fin de modificar as propiedades dos productos (colorantes, plastificantes, estabilizantes, etc.). Doutra banda, un problema adicional que xeran, e cuxo coñocemento está en auxe, é a producción de micropartículas (microplásticos) por mor das condicións ambientais ás que se expoñen unha vez no medio natural (radiación UV, temperatura, hidrodinamismo, etc.), e que transforman ese material nun máis fráxil e vulnerábel á fragmentación, creando partículas de reducido tamaño (≤5 mm). Porén, estes microplásticos tamén comercialízanse como tal e forman parte de productos de uso diario como son certos cosméticos ou deterxentes, entre outros.

A recopilación de información sobre este tipo de materiais e a análise do papel que ocupan na nosa vida cotiá fan posible a sensibilización da poboación sobre os problemas que xeran no medio ambiente, así como a redución do seu impacto na medida do posible. Conseguintemente, xurden proxectos no ámbito científico-tecnolóxico orientados a esa finalidade. Este é o caso de RepescaPlas: “Valorización material de residuos plásticos recuperados del mar: caracterización, aplicaciones y desarrollo del producto”. Este proxecto no que participa o grupo de investigación ECOTOX da Universidade de Vigo, estase desenvolvendo grazas á Fundación Biodiversidad, do Ministerio de Agricultura y Pesca, Alimentación y Medio Ambiente, e forma parte do Programa Pleamar. A súa coordinación recae en AIMPLAS (Instituto Tecnológico del Plástico de Valencia) e colaboran a Fundación Global Nature, a Asociación Vertidos Cero, a Confraría de Pescadores de Gandía e a Universidade de Vigo.

O seu principal obxectivo é afondar no coñecemento sobre o lixo mariño e reducir o seu impacto, de xeito que, tras recuperar os residuos plásticos do mar, preténdese acadar a súa reincorporación á cadea de producción, tendo así un novo oco no mercado e conseguindo unha valorización dese material que favorece á economía circular. Este procedemento abrangue diferentes fases: recollida e caracterización (por tipoloxía, natureza e ecotoxicidade), valorización e difusión dos resultados.

Para a recollida cóntase con patróns de pesca, previamente formados, dos portos de Gandía (Valencia), Marín e Vigo (Pontevedra), que recollen de forma indirecta, a través das artes de pesca de arrastre, os residuos que se atopan no seu traxecto. Así mesmo, están implicadas as autoridades portuarias e é especialmente importante a participación dos xestores de residuos en ambos portos.

Este lixo mariño recuperado almacénase e caracterízase según a súa tipoloxía no propio porto, seguindo as pautas da plataforma Marnoba (dispoñible en app para dispositivos móbiles), desenvolvida pola Asociación Vertidos Cero, na que os datos recollidos súmanse ós do programa de seguimiento de basuras marinas do MAPAMA. Selecciónase entón unha fracción proporcional de plástico coa que se vai traballar posteriormente, tanto para analizar a súa composición e posibilidades de valorización (AIMPLAS) como os seus efectos ecotoxicolóxicos (grupo ECOTOX, Universidade de Vigo). Esta última tarefa realízase co material micronizado, simulando a xeración natural no medio ambiente de microplásticos, os cales preténdense testar con organismos de varios niveis da cadea trófica, dende microalgas ata equinodermos, como o ourizo de mar.





 

 

A cantidade agardada de 300 kg de lixo mariña recollido, xa foi superada hoxe en día, destacando as bolsas e botellas de plástico, embalaxes industriais, cabos, cordas e nasas como elementos máis abundantes, dos que ó longo dos próximos meses se terán resultados da súa toxicidade e posible valorización.

Con este tipo de proxectos, lógrase chegar ós cidadáns, que, como consumidores activos e causantes destes problemas ambientais, debemos ser conscientes da ameaza que supón e la importancia de inclinarse por un modo de consumo sostible.

 

Máis información: http://www.programapleamar.es

Compartir: 

© 1995 - 2018 Equipo de investigación ECOTOX.